Noso instituto foi "seleccionado" para realizar a proba
diagnostica de 4º da ESO e a nosa ANPA, como integrante da FAPACEL e da
Confederación Anpas Galegas, REXEITAMOS dita proba chamando as familias a que
os seus fillos e fillas non a realicen.
Porque rexeitamos as probas de diagnóstico de 3º de Primaria, 6º de
Educación Primaria e de 4º de ESO
que impón a consellaría de Educación? As avaliacións de 6º de Educación
Primaria e de 4º de ESO, están á volta da esquina, serán os días 23 e 24 de
maio. 3º de Primaria, o 30 e 31 de maio. Di a consellaría no seu portal (http://www.edu.xunta.gal/portal/node/21842) que as probas teñen unha finalidade
estritamente de proporcionar á Administración unha información complementaria
para o deseño de accións específicas cara un ensino de maior calidade... Non o
creemos nós, e consideramos que nin eles mesmos. Din na consellaría que súa
finalidade é estritamente diagnóstica pero, se fose diagnóstica, debería
facerse unha avaliación en profundidade da realidade educativa (contexto,
recursos, medios, metodoloxías, obxectivos finais e finalidades específicas, entre
outras variables). Independentemente de canto saiba o alumnado, e así consiga
expresalo no exame, este sistema proposto (un exame persoal nunha xornada
escolar ou dúas) non avalía as potencialidades nin necesidades do sistema
educativo; os problemas con que se enfronta toda a comunidade educativa e os
centros públicos no día a día; o ratio de alumnado/aula; recursos dos centros;
as necesidades específicas de apoio educativo; as causas do fracaso escolar, as
peculiaridades do centro e contorna, entre outros. Iso é o que hai que avaliar.
Dese xeito, os datos recompilados si que proporcionarían á Administración unha
información real á hora de deseñar accións específicas na súa aposta por unha
maior calidade no ensino. Se quixeran, claro! É que, ademais, o alumnado xa
está avaliado e super avaliado, demais!!!? A proposta da Xunta non deixa de
producir unha sensación de probas selectivas e segregadoras que, por outra
banda, deixa en atender previamente as necesidades dos centros educativos, que
sempre teñen que acceder a programas de mellora a través de concursos
competitivos entre si, deixando a moitos centros sen eses recursos necesarios,
e iso tamén inflúe na calidade no ensino. Hai que sinalar que, a día de hoxe,
non temos datos de que os centros recibiran a normas específicas de realización
de avaliación, cando están a uns días de realizalas, agás as xenéricas que
aparecen no portal da consellaría. Que garantías hai de que se fagan con
obxectividade nos centros privados e concertados? Porque no portal da Xunta non
se clarifica. Habería que facer as avaliacións con obxectividade e no portal da
Xunta aparece a expresión ?preferentemente? A Consellería di que segue un
procedemento moi similar ao das probas PISA tanto en canto a metodoloxía como a
tamaño da mostra. Pois pasaron 2 anos e seguimos sen ter eses datos cos
resultados. Que información recibimos as familias e os centros? As familias
nada. E os centros? Entendemos que tampouco. Se non se reciben eses datos, para
que se fan? Coméntase no portal que, no 15% dos centros de Primaria e de
Secundaria, a selección da mostra busca a máxima representatividade e
equilibrio, para que os resultados podan extrapolarse ao conxunto da poboación
escolar dos cursos avaliados. Pero para que haxa ese equilibrio debería dotarse
de profesionais suficientes aos centros de ensino, de medios e recursos
acaídos, con garantías de que todo o alumnado acceda a un ensino público
inclusivo de calidade. Se non fai así non hai equilibrio. Informan que os
resultados obtidos non repercuten en ningún caso nas cualificacións obtidas
polos alumnos no curso escolar nin contan para o expediente académico. Está
claro que as probas valen para tirar ao lixo tempo e cartos de todos os
contribuíntes, sen obxectivo aparentemente válido. Era ben que explicasen como
se vai facer a avaliación en 4º ESO, nun 4º que naceu morto, que remata
distinto a como se deseñou, cunha desorganización ben visible. Como van ter a
mesma avaliación diagnóstica cando se elixen materias optativas e distinto
nivel de matemáticas?
No hay comentarios:
Publicar un comentario