lunes, 22 de mayo de 2017

Nota de prensa: ANPA SANXILLAO REXEITA A REVÁLIDA DE 4º




A ANPA do IES SANXILLAO, diante da selección do noso centro pola Consellería de Educación para a realización da reválida de 4º da ESO o 23  e 24 de maio, MANIFESTAMOS que REXEITAMOS AS REVÁLIDAS DA LOMCE.
 1. Rexeitamos as avaliacións externas cuxo obxectivo principal non sexa a detección de ámbitos de mellora no sistema educativo de cara a proporcionar aos centros, aos docentes, ao alumnado e ás familias os medios necesarios para a formación integral do alumnado e o desenvolvemento do seu labor.
2. Rexeitamos as avaliacións externas que non se baseen na observación sistemática e prolongada no tempo de indicadores relevantes, senón que se reduzan a observacións parciais e puntuais. Así mesmo, rexeitamos a clasificación dos centros, ou a asignación de medios materiais ou humanos aos mesmos, en función dos resultados de avaliacións externas que non cumpran os necesarios requisitos.
3. Rexeitamos as avaliacións externas cuxo deseño non estea consensuado cos sectores da comunidade educativa e as organizacións procedentes: profesorado, nais e pais, alumnado, ANPAs, organizacións sindicais...
4. Rexeitamos as probas externas que non sexan integramente aplicadas, supervisadas e avaliadas por funcionarios públicos, tanto nos centros públicos como nos privados.
 E POLO TANTO
ANIMAMOS ÁS FAMILIAS A SUMARSE Á INSUBMISIÓN Á REALIZACION DESTAS PROBAS SOBRE OS NOSOS FILLOS E FILLAS, non os enviando ao instituto durante as horas, ou días, da súa realización.
Chamamos ás familias para que manifesten o seu rexeitamento, a través da presentación dun escrito.
Esiximos de novo, e constantemente, a derrogación da LOMCE, non queremos esa Lei, e non pararemos de dicilo.




domingo, 14 de mayo de 2017

REUNIÓN INFORMATIVA Proba diagnóstica (REVÁLIDA) 4º da ESO.

Prezadas familias
O xoves 18 de maio ás 20:00h a Xunta Directiva da ANPA convócavos a unha reunión informativa sobre a reválida de 4º da ESO. No salón do IES
Agardamos a vosa asistencia e participación!!

http://www.anpasgalegas.org/2017/05/rexeitamos-as-revalidas-2017/

viernes, 5 de mayo de 2017

Porque rexeitamos as probas de diagnóstico 4º de ESO que impón a consellaría de Educación?



Noso instituto foi "seleccionado" para realizar a proba diagnostica de 4º da ESO e  a nosa ANPA, como integrante da FAPACEL e da Confederación Anpas Galegas, REXEITAMOS dita proba chamando as familias a que os seus fillos e fillas non a realicen.

Porque rexeitamos as probas de diagnóstico de 3º de Primaria, 6º de Educación Primaria e de 4º de ESO que impón a consellaría de Educación? As avaliacións de 6º de Educación Primaria e de 4º de ESO, están á volta da esquina, serán os días 23 e 24 de maio. 3º de Primaria, o 30 e 31 de maio. Di a consellaría no seu portal (http://www.edu.xunta.gal/portal/node/21842) que as probas teñen unha finalidade estritamente de proporcionar á Administración unha información complementaria para o deseño de accións específicas cara un ensino de maior calidade... Non o creemos nós, e consideramos que nin eles mesmos. Din na consellaría que súa finalidade é estritamente diagnóstica pero, se fose diagnóstica, debería facerse unha avaliación en profundidade da realidade educativa (contexto, recursos, medios, metodoloxías, obxectivos finais e finalidades específicas, entre outras variables). Independentemente de canto saiba o alumnado, e así consiga expresalo no exame, este sistema proposto (un exame persoal nunha xornada escolar ou dúas) non avalía as potencialidades nin necesidades do sistema educativo; os problemas con que se enfronta toda a comunidade educativa e os centros públicos no día a día; o ratio de alumnado/aula; recursos dos centros; as necesidades específicas de apoio educativo; as causas do fracaso escolar, as peculiaridades do centro e contorna, entre outros. Iso é o que hai que avaliar. Dese xeito, os datos recompilados si que proporcionarían á Administración unha información real á hora de deseñar accións específicas na súa aposta por unha maior calidade no ensino. Se quixeran, claro! É que, ademais, o alumnado xa está avaliado e super avaliado, demais!!!? A proposta da Xunta non deixa de producir unha sensación de probas selectivas e segregadoras que, por outra banda, deixa en atender previamente as necesidades dos centros educativos, que sempre teñen que acceder a programas de mellora a través de concursos competitivos entre si, deixando a moitos centros sen eses recursos necesarios, e iso tamén inflúe na calidade no ensino. Hai que sinalar que, a día de hoxe, non temos datos de que os centros recibiran a normas específicas de realización de avaliación, cando están a uns días de realizalas, agás as xenéricas que aparecen no portal da consellaría. Que garantías hai de que se fagan con obxectividade nos centros privados e concertados? Porque no portal da Xunta non se clarifica. Habería que facer as avaliacións con obxectividade e no portal da Xunta aparece a expresión ?preferentemente? A Consellería di que segue un procedemento moi similar ao das probas PISA tanto en canto a metodoloxía como a tamaño da mostra. Pois pasaron 2 anos e seguimos sen ter eses datos cos resultados. Que información recibimos as familias e os centros? As familias nada. E os centros? Entendemos que tampouco. Se non se reciben eses datos, para que se fan? Coméntase no portal que, no 15% dos centros de Primaria e de Secundaria, a selección da mostra busca a máxima representatividade e equilibrio, para que os resultados podan extrapolarse ao conxunto da poboación escolar dos cursos avaliados. Pero para que haxa ese equilibrio debería dotarse de profesionais suficientes aos centros de ensino, de medios e recursos acaídos, con garantías de que todo o alumnado acceda a un ensino público inclusivo de calidade. Se non fai así non hai equilibrio. Informan que os resultados obtidos non repercuten en ningún caso nas cualificacións obtidas polos alumnos no curso escolar nin contan para o expediente académico. Está claro que as probas valen para tirar ao lixo tempo e cartos de todos os contribuíntes, sen obxectivo aparentemente válido. Era ben que explicasen como se vai facer a avaliación en 4º ESO, nun 4º que naceu morto, que remata distinto a como se deseñou, cunha desorganización ben visible. Como van ter a mesma avaliación diagnóstica cando se elixen materias optativas e distinto nivel de matemáticas?

viernes, 24 de marzo de 2017

Convocatoria asemblea 28 de marzo de 2017: IES SANXILLAO 25 ANOS



IES SANXILLAO
Ronda das Fontiñas, 171
www.anpasanxillaolugo.blogspot.com

Prezadas familias
Este ano o noso IES celebra os seus 25 anos.
Por elo, e para facer participes deste aniversario a Xunta Directiva da anpa do IES Sanxillao convocámosvos a unha reunión o próximo martes 28 de marzo, ás 20h, no Salón de Actos do centro,  para que nos trasladedes as vosas propostas para mellorar as relacións entre toda a Comunidade do noso Instituto.
Agardando a vosa asistencia e participación
Un saúdo

A Xunta Directiva IES Sanxillao