A relixión no bacharelato LOMCE

Mani relixion
O Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato en Galicia, establece nos seus artigos 30 e 31 cales son as materias que o alumnado deberá cursar, respectivamente, en 1º e 2º de bacharelato; así mesmo a Orde do 15 de xullo de 2015 establece a relación de materias de libre configuración autonómica; e así distribúese a carga horaria global nos seguintes bloques de materias:
• Materias comúns a todo o alumando: Filosofía, Lingua Galega, Lingua castelá, Lingua estranxeira e educación física.
• Materias comúns a todo o alumnado segundo a opción de bacharelato que escolla.
• Materias específicas: das que deben escoller un mínimo de dúas e un máximo de tres dentro dun amplo catálogo de materias cunha carga horaria de dúas, tres ou catro horas semanais. E aquí aparece, como unha máis das materias específicas, segundo o que ordena a LOMCE, a Relixión, cunha carga horaria de unha hora semanal
• Materias de libre configuración autonómica, cunha carga horaria de dúas horas semanais.
• Materias de libre configuración polo centro docente, sen que se estableza unha carga horaria específica, polo que poden ser dunha ou dúas horas semanais.
A suma de horas lectivas semanais das materias específicas, de libre configuración autonómica, e de oferta do centro docente, ten que ser de seis horas en primeiro de bacharelato, e de oito horas en segundo de bacharelato. Sen esquecer nunca que calquera combinación ten que incluír como mínimo dúas materias específicas, o grupo onde se oferta necesariamente a materia de Relixión.
A onde nos leva esta distribución horaria aparentemente tan posibilista?
Pois a unha situación totalmente discriminatoria: en 1º de bacharelato, calquera alumno que queira escoller unha materia específica de tres horas, xunto cunha de libre configuración autonómica de dúas horas (tecnoloxía industrial + robótica por exemplo) necesariamente ten que escoller Relixión para completar o seu currículo de 6 horas porque é a única opción de unha hora que existe no bloque de específicas que a Xunta de Galiza organizou para aplicar a LOMCE, porque as materias específicas están fixadas polo Estado, pero a súa carga horaria fixámola aquí, e a responsabilidade de que a única materia dunha hora que existe dentro dese grupo sexa a Relixión é exclusivamente da nosa Administración Educativa Autonómica.
Mais aínda iso non é todo: a única relixión que, na práctica, se pode escoller é a relixión católica, porque a oferta doutras relixións depende da demanda de alumnado, e aquí non existe, maioritariamente, unha demanda suficientemente ampla de ensino da relixión evanxélica, musulmana ou xudea nos cursos de bacharelato.
En todas as nosas leis educativas, a relixión, calquera, entendeuse como unha opción das familias, que sempre debera ir aparellada coa posibilidade de escoller outra materia, o que coloquialmente se coñece como “alternativa”, para garantir a voluntariedade desa opción como medio para non violentar o que a Constitución establece no seu artigo 16.1 cando di que se garante a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto dos individuos, e no seu artigo 27.3 cando garante o dereito que asiste aos pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións.
A imposición da materia de relixión como oferta obrigatoria en bacharelato, e por suposto o seu carácter de materia avaliable e participativa da media do curso, é claramente unha imposición da Igrexa Católica a un goberno que renegou da súa obrigada neutralidade neste eido, e que apostou por favorecer a un grupo de poder económico que, e non é casual, domina unha porcentaxe moi elevada do ensino privado e concertado no noso Estado.
Pero tentar forzar aos nosos fillos e fillas para que escollan esa materia se queren ter abertas algunhas das opcións posibles de bacharelato é unha indignidade, e unha conculcación do dereito á liberdade relixiosa do individuo que non podemos menos que denunciar.
Por iso, a Xunta de Galicia debe modificar o actual marco normativo, e ten capacidade para facelo, para que, en ningún caso, ningún alumno ou alumna, escolla a combinación de materias que desexe escoller, teña que verse abocado sen remedio a cursar unha materia ideoloxicamente identificada, como o é a Relixión Católica.